"As viudas dos vivos e as viudas dos mortos", de Rosalía de Castro
As viudas dos vivos e as viudas dos mortos
¡Pra a Habana!
I
Vendéronlle os bois,
vendéronlle as vacas,
o pote do caldo
i a manta da cama.
Véndéronlle o carro
i as leiras que tiña,
deixárono soio,
coa roupa vestida.
«María, eu son mozo,
pedir non me é dado,
eu vou polo mundo
pra ver de ganalo.
Galicia está probe,
i á Habana me vou...
¡Adios, adios, prendas
do meu corazón!»
II
Cando ninguén os mira,
vense rostros nubrados e sombrisos,
homes que erran cal sombras voltexantes
por veigas e campíos.
Un, enriba dun cómaro
séntase caviloso e pensativo;
outro, ó pé dun carballo, queda imóbil,
coa vista levantada hacia o infinito.
Algún, cabo da fonte recrinado,
parés que escoita atento o murmurío
da augua que cai, e eisala xordamente
tristísimos sospiros.
¡Van a deixa-la patria!...
Forzoso, mais supremo sacrificio.
A miseria está negra en torno deles,
¡ai!, ¡i adiante está o abismo!...
III
O mar castiga bravamente as penas,
e contra as bandas do vapor se rompen
as irritadas ondas
do cántabro salobre.
Chilan as gaviotas
¡alá lonxe!... ¡moi lonxe!,
na prácida ribeira solitaria
que convida ó descanso i ós amores.
De humanos seres a compauta linea
que brila ó sol adiántase e retórcese,
mais preto e lentamente as curvas sigue
do murallón antigo do Parrote.
O corazón apértase de angustia,
óiense risas, xuramentos se oien,
i as brasfemias se axuntan cos sospiros...
¿Onde van eses homes?
Dentro dun mes, no simiterio imenso
da Habana, ou nos seus bosques,
ide a ver que foi deles...
¡No eterno olvido para sempre dormen!...
¡Probes nais que os criaron,
i as que os agardan amorosas, probes!
IV
«¡Ánimo, compañeiros!
Toda a terra é dos homes.
Aquel que non veu nunca máis que a propria,
a iñorancia o consome.
¡Ánimo! ¡A quen se muda Dios o axuda!
¡E anque ora vamos de Galicia lonxe,
verés des que tornemos
o que medrano os robres!
Mañán é o día grande, ¡á mar amigos!
i Mañán, Dios nos acoche!»
¡No sembrante a alegría,
no corazón o esforzo,
i a campana harmoniosa da esperanza,
lonxe, tocando a morto!
V
Este vaise i aquel vaise,
e todos, todos se van,
Galicia, sin homes quedas
que te poidan traballar.
Tés, en cambio, orfos e orfas
e campos de soledad,
e nais que non teñen fillos
e fillos que non tén pais.
E tés corazóns que sufren
longas ausencias mortás,
viudas de vivos e mortos
que ninguén consolará.
www.facebook.com/huellasdemicha/
twitter.com/huellasdemicha