O Sapoconcho, "Emys orbicularis"

sábado 21 enero 2017

   O sapoconcho, Emys orbicularis, tamén coñecido como galápago europeo, é unha tartaruga que habita no centro e sur de Europa, na zona mediterránea de África e en Asia Occidental.

                     

   Son animais de hábitos acuáticos que viven preto de cursos de auga de corrente lenta e tamén en lagoas. Nos meses fríos adoitan hibernar no fondo da auga.

   Soen tomar o sol en terra, pero nestas condicións sécanselles os ollos moi facilmente. Para evitar este inconveniente teñen unhas glándulas que segregan continuamente un líquido parecido a lágrimas, mantendo os ollos sempre húmidos.

   Cando se encontran tomando o sol, ó mínimo sinal de perigo escóndese entre as augas, onde están máis protexidos dos depredadores.

   Son animais moi lonxevos, podendo chegar a vivir ata 100 anos. Medran moi lentamente, chegando á idade adulta entre os 8 e 10 anos, no caso dos machos e os 15 e os 20 anos, no caso das femias.

   Poden medir entre 12 a 38 cm de lonxitude. A súa cuncha é moi escura, de cor castaña e presenta unha ornamentación característica, con liñas e puntos amarelos moi claros e algunhas zonas verdosas. A parte inferior da cuncha presenta unha tonalidade amarelada, con manchas pardas case negras.

    Os sapoconchos son carnívoros, comen pequenos peixes, anfibios, moluscos, crustáceos, vermes e outros invertebrados, chegando incluso a comer crías de aves. Tamén comen corpos en descomposición de animais mortos.

     O apareamento dos sapoconchos, que soe producirse no mes de abril, é moi aparatoso. É precedido por unha serie de liortas entre os machos, coa fin de voltear o rival, deixándoo fóra de combate. O macho vencedor inicia a cópula golpeando a parte traseira da femia e escondendo a cabeza. Despois ven a monta, que non sempre é eficaz, xa que é difícil para o macho permanecer moito tempo enriba da femia.

   A posta dos ovos, normalmente entre 4 a 14 ovos, realízase no verán. A femia agóchaos nun burato que abre no chan, cubríndoos despois coa terra branda. A eclosión dáse pasados 3 meses.

  En Galicia o sapoconcho está declarado como especie en perigo de extinción dente 1999 e está, dende entón, estrictamente protexido para evitar a súa desaparición.




www.facebook.com/huellasdemicha/






Enviar un comentario

nombre:
correo electrónico:
url:
Su comentario:

sintaxis html: deshabilitado